lunes, 19 de enero de 2009

O Blog do Castrillón

Somos un grupo de veciños e veciñas do barrio do Castrillón, Monte das Moas, Urbanización Soto e Eirís que, seguindo a estela aberta por outros barrios da cidade como O Ventorrillo, Os Rosales, Os Mallos, Novo Mesoiro, Monte Alto…… tamén sentimos a necesidade de que o noso barrio teña presencia en Internet, para establecer unha vía de comunicación entre nós, para que todos os veciños e veciñas que queiran poidan participar activamente no seu desenvolvemento, e sobre todo para activar o movemento social do barrio, tan empobrecido e obxecto de tanta manipulación nos últimos anos.

O Blog do Castrillón quere ser un lugar de encontro e de participación para que todos poidan ter voz e aporten coas súas suxestións, denuncias, queixas e todo aquelo que estimen conveniente para mellorar o noso barrio. Por iso invitamos a todos os veciños e veciñas a participar neste blog para que coa nosa voz o barrio poida chegar a ter a consideración que merece e que merecemos os que vivimos nel. Porque O CASTRILLÓN TAMÉN EXISTE e NO CASTRILLÓN TAMÉN PAGAMOS IMPOSTOS.

Non estamos vinculados a ningunha asociación veciñal, partido ou programa político (desto xa se ocupan outros). O único que nos interesa é o noso barrio e a súa xente, e que todos poidamos participar activa e libremente expoñendo todo o que nos preocupa, alerta, enche, alegra……..

Somos novatos nestas cousas polo que pedimos disculpas de antemán e que teñades paciencia connosco polos erros que poidamos cometer na utilización desta ferramenta.

Un saúdo,

Blog do Castrillón